tamén houbo daquela sinais de que chegaba
o tempo cos seus vidros e metais
tocando unha charanga de tormentas
o tempo cos seus longos atavíos
as súas roupas existencias
e souben que eran eses os sinais
que viña demandando
aquilo que esperaba non sei por que razón
e souben tamén logo que viña unha fragancia
un líquido perfume que embriagaba
pois era tan real como unha froita
e sempre andaba espida pola casa
así que vin entón os signos as estrelas
as uvas que Amor enche de azucres e de mel
e púxenme a querer os nomes das palabras
as curvas os meandros do río dos vocábulos
igual que se bebese un litro de tristeza
e andase a dar traspés nas sombras pola casa
por iso houbo silencio
por iso ninguén dixo
nin houbo barcos novos que chegasen
do mar turrando lentos como o inverno
do inverno a procurar os vidros dun espello
así que andei calado circunspecto
máis próximo de min que a miña sombra