frío

199147_10150168223727629_115651122628_8623150_2671180_n

non foi chegando abril

que o inverno inda duraba

que foi cando febreiro erguía a súa bandeira

e daba en pór misterios na sombra dos espellos

enigmas que chegaban virando pola curva

dos días máis escuros no tránsito dos séculos

non foi chegando abril

chovía e viña un frío

molesto desde o fondo da tarde amañecida

e había dúas lúas brillando para min

unha sobre o ceo insólita laranxa

outra sobre o mar imaxe repetida

non foi chegando abril

que o tempo perduraba

igual que se ficase detido sobre os campos

a noite a esparexer un longo frío gris

o frío sobre o lombo dos cabalos

e marzo inda durmido por dentro da carreta

oh canto era feliz seguindo aqueles rumbos

os campos percorrendo levando o meu aceite

e noces transportando

e potes de cerámica e escuro pan de améndoas

feirante no percurso das chairas alongadas

no plácido luar

chamoulles a atención

o número de libros

e todo aquel saber de signos contruído

por séculos e séculos

chamoulles a atención

que fósemos errantes

que fose por febreiro

que fose tanto frío