cartóns

miro_gavran_nemon_freud

as tardes que gardabas no peto dun abrigo

en forma de papeis facturas almanaques

retábulos da historia e a luz da ilustración

perdéronse outra tarde nalgunha papeleira

e foron reemprazadas por novas tardes brancas

impresas con mensaxes de consumo

sinais de que pasaches un tempo en restaurantes

comendo con amigos con socios compañeiros

e xente que persiste en ter trato contigo

por máis que xa derives en vello en esquecido

en pánico do medo do terror

son fórmulas atroces que suman cantidades

cafés e pratos cheos fumegantes

que alguén cifrou en números

valores que renderon beneficios

e o máis preocupante

a data

os anos que xa foron rendéndose caendo

no mar do esquecemento

son signos de que a vida verteu sobre o teu corpo

uns certos acomodos

tamén de que a pesar dos bens que amoreaches

as décadas pasaron

seguiron a correr

igual que corre a noite no inverno e na distancia