a música de dentro

Tàpies

pousei a man no lombo do cabalo

e vin que estaba a arder

que a vida lle sobraba

que había plenitude no corpo e na distancia

que estaba tamén lonxe a raia dun camiño

a sombra dun ignoto percorrido

e díxenme alá imos

trotar por ese tempo

o mesmo que alguén sobe a un barco que afunde

igual que un home acende a lámpada dos soños

no instante de ir durmir

 

o día viña envolto nun enigma

espía nubes grises a ferver

no mar do firmamento

o tempo estaba quieto ninguén dixera nada

das horas e das chuvias

e lenta a brisa puña un eco de bandeiras

movéndose no límite do río

vertendo algunhas páxinas perdidas

da vida que vivín

 

e púxenme a pintar con negros caligramas

a música de dentro