Día: 08/02/2012
jet lag
o corpo cando chega despois dunha distancia é sempre máis fugaz
semella andar ao lonxe
e leva sobre os días as túnicas de oriente
o mar que acende a corda da tarde contra o outono
e un baixo adormecido de músicas antigas
cancións que o corpo dixo ou foi quen de cantar
o corpo ten milagres e sombras como todo
cos anos pousa a ollada por riba das facturas
e ponse a comprobar se existen no inventario
laranxas ou tristezas
se os pagos foron feitos depois de recibir
a lúa sobre as augas e un século de amor
e nega o seu subsidio de morte por decembro
e rompe mil contratos de chuvias ou de frío
o corpo logo conta palabras que inventou
aquilo que se dixo tamén pola distancia
e dálle por bailar sen roupa pola area
deixando unha preguiza a xeito de ronsel
e un fío de augas limpas impolutas
o corpo cando chove no medio dun inverno
e ve que hai vidros grises de chumbo polo ceo
e sente abrir no vento as portas dos enigmas
detense ponse a ver calcula unha pregaria
e deixa que un vapor de noites consumidas
propague a súa humidade
que sabe como abren os ´pórticos do tempo
e ten un trato antigo co silencio
o corpo adormecido que impera sobre os soños
e escoita os barcos lonxe chegando do desastre