as dádivas que o tempo dispuxo para min
a xeito de agasallo por guerras e derrotas
son doces como un dátil e escuras como o voo
das pegas contra o fondo da tarde por setembro
son rostros que eu visito fermosos no esplendor
ou peles que abren tránsitos de cinza e de loucura
camiños que o sol soubo comprar como unha música
e notas que alguén verte no mar do esquecemento
eu tanxo o meu sitar e cando a ladaíña
dos corvos a tristeza que apousa sobre a terra
xa sinto que abre pozos e túneles sepulcros
prosigo entre esas néboas en busca dunha harpa
solemne como un día de maio ou de febreiro
aquelas cousas gratas que a vida me deixou
e fun atesourando minúsculo perdido
igual que un naturista que garde as follas murchas
o mesmo que un actor que conte o seu monólogo
son froita do vivir colleita da existencia
mazás que o vento soubo guindar sobre un panasco
ou acios que esqueceron cortar vindimadores
e doume por pagado feliz como me sinto
as tardes en que fago un cálculo xeral
e vexo que fun longo ou mesmo dilatado
que andei por onde quixen que houben de perder
a vida varias veces e sempre pola contra
durou e perseguiu máis anos procurar
dispor de novo o corpo nas décadas vindeiras
que ben que todo fose en moito parecido
aos soños que tivemos ás horas que soñamos
que a vida a fin de contas mantivo a solidez
o voo dunha alegría de séculos e anos