o día foi caendo levándome con el
deriva contra a noite
devalo sen naufraxio
e souben que hoxe estaba clausurado
ruína dunha vella construción
por iso me inauguro
dou fe de que comeza
de novo a miña música
o túnel no que brotan do escuro unhas trompetas
o tránsito febril
do tempo a perseguir a épica da estrela moribunda
o drama dos rumores que fundan as cancións
igual que alguén traspasa un pórtico chorando
sen panos que lle enxoiten as bágoas de tristeza
hai anos era novo
e agora vou murchando
igual que murcha a noite as peles das mazás
e sinto como as mans
xa saben apalpar a escuridade
tocar o vento frío
oír como o silencio regresa polo inverno
e vén cantando estampas de tristeza
e vén selando epístolas perdidas
hai anos era aínda
e agora xa se achega
o nunca como un voo de tebras polo ocaso
un voo de aves de sombra
e veñen os cabalos do vento clausurando
os pozos e as nogueiras que ven polos camiños
e prenden lume aos soutos
e queiman as hortensias
cabalos cos seus ollos de pánico sangrando
dispersos como un sopro
hai anos eras ti
e agora non es máis
que a flor que alguén deixou
enriba dun sepulcro
a flor que segue viva
a flor que xa coñece
os frios que se senten nos rumbos cara ao ocaso