dodecafonía

sarolta-ban10 (1)

dispuxo entón as harpas no fondo dos enigmas

e púxose a tocar pianos derramados

cancións que regresaban do fondo da linguaxe

viradas nunha estraña melodía

harmónicos ruíns

acordes de borralla

e coxas flores murchas caendo da fervenza

das cordas rotas

rotas

 

non era o voo que acenden

as vellas partituras

senón o espectro azul que habita os pentagramas

as caixas en que acouga o mar cando xermina

o idílico final do inverno entre tormentas

 

e foi feliz tocando eses pianos

feliz como unha hortensia no tránsito de agosto

feliz como un camión entrando nun concerto

no instante en que o motor

sublime e afinado

encontra os violonchelos repetindo

o ton da súa salmodia

feliz como un camión chegando para dar

a nota derradeira

o corno e a buguina e a trompeta

e o ton dese timbal

tanxendo unha harmonía

do azar unha enxurrada

o cólico do incerto