ignora como sopran os misterios
e sabe máis ben pouco do silencio
só toca as cordas rotas
dun resto de piano
e escoita o son que verte o refugallo
os troncos dun naufraxio polo río
as cinzas dun incendio que abafou
despois senta a beber tisanas no solpor
e fala cunha sombra de si mesmo
feliz como se houbese
un barco na súa espera
feliz como se houbese
un barco na súa espera
ignora como sopran os enigmas
o moito que han durar estes fulgores
o pouco que aínda resta de misterio
só tanxe un vello harmonium
con restos de tabaco
e un certo pouso agrario
de igrexa rural
despois camiña espido na noite xunto ao río
e fala cunha sombra de si mesmo
feliz como se houbese
un barco na súa espera