do pan que foi servido nas ceas do naufraxio
e soubo a sal antigo e vellos cereais
o corpo garda aínda sabores e silencios
pigmentos dunha cor que a lingua esparexeu
no fondo das abóvedas da boca
o pan que era deleite e tiña unha ferruxe
de terras enlamadas e tristeza
o pan que foi viaxe de barcos alén mar
e tiña o mel das sombras e do trigo
o pan que viña ardendo nun loiro entardecer
tamén dos comensais que erguían o seu voo
se ao lonxe oían trotes de cabalos
os corvos ou as pegas errantes paxariños
as píllaras que seguen un rumbo cara ao sur
ou soñan con chegar de novo ás terras verdes
que existen máis ao norte
comer o pan gastado nas tardes sobre a chaira
o pan como un refuxio da alma ou dos sentidos
un doce que fumega no forno da alegría
aínda recupera fatigas e desastres
o pan ese pracer da terra e da linguaxe