alguén fora dicirlle que había algo de luz
no fin do corredor
un cuarto con lectores ou amantes
prendidos a unha lámpada
a daren conta certa da paixón
mais el non precisaba oh nada que xurdise
das voces dos humanos
nin cantos nin palabras nin soños nin consolos
só un eco dos enigmas a sombra dos misterios
o pórtico entreaberto unha cancela
que dá para un panasco con cabras a roer
a herba que lle medra para marzo
fartara de saber segredos ou astucias
de ser a testemuña tristítimo albacea
de ver verter no saco da tristeza
borralla da esperanza
por iso non seguiu aquela senda
virou de cara ao sur
a algunha desas vilas onde nace
o mar do esquecemento