gardou logo nos cofres as xoias desveladas
os ouros que fervían nun brillo de ilusión
e foi seguindo círculos e rodas
varandas que deixaban ollar para o silencio
e viu a luz que acenden os misterios
dispúxose daquela moi dentro da súa casa
o mesmo que un espello que olla noutro espello a imaxe de si mesmo
saía a camiñar
seguía os cursos altos das aves polo outono
e ás veces recollía pigmentos do serán
coa cámara de fotos
tamén bebía en vidros os líquidos dos campos
insomnes bebedizos que viñan acender
no corpo o seu inhóspito desexo
e fíxose distante
de feito inescrutable
un longo e devalante discurso de si mesma
como todos os discursos
como todos os suxeitos dos discursos
eu son, dixo por fin
a escura pega ida,
a ave que alimenta as néboas na distancia