deixara unha semente de cinza fermentando
nun cuarto de aluguer
tamén algunha espiña de peixe derrotado
e un eco de misterios fervendo nunha pota
con dentes de animal e ósos de lagarto
pois era toda a ciencia que herdara dos seus vellos
o cómputo total de signos e de cábalas
fuxira cara ás terras do solpor
levando no seu peto esta fortuna
un lustro polos ríos da Arxentina
e veu co seu silencio e un século de neves
sen nada que gastar
e foi de novo dono da semente
no cuarto de aluguer
tamén daquela espiña e dos enigmas
a ciencia toda oculta nos seus cofres
dispuxo entón receitas e menciñas
e deu en practicar os ritos do misterio
tamén en percorrer o monte por camiños
de lamas entre fentos e xestas e carqueixas
e fíxose chamar o rei da néboa escura
o insomne baluarte de occidente