os túmulos que gardan os corpos dos vencidos
daqueles que perderon a guerra e regresaron
ollando para a luz do seu solpor
ás veces falan alto regresan para a historia
e deixan un rumor de voces graves
non teñen ton de queixa
só piden redención
caídos no sepulcro e na distancia
e cantan unha escura ladaíña
e verten un recóndito silencio
sepulcros que esparexen lección do que pasou
sinais de que entre as músicas queimadas
con dedos de pianistas
con bocas de cantantes
cerebros de albaneis e mans de agricultores
hai linguas de poetas
sepulcros como follas contendo unha denuncia
un brado no interior de caixas como queixas
e a orquestra a executar
o lóstrego dun tiro
limpísimo esvarar de prata polas augas
os túmulos que falan dos corpos dos vencidos
daqueles que demandan a luz da redención
sepulcros cunha chaga de cinza e de tristeza