a sombra que amañece no fondo da conciencia
en pago polos días que o tempo derrubou
é medo de perder o insomne capital
da vida e do agasallo do mundo ese vestixio
de luces e de lóstregos que asoma xunto a ti
de ter dilapidado os lustros as semanas
seguindo unha corrente do tempo río abaixo
de teres estragado mancado derramado
o corpo entre doenzas da alma e da tristeza
e sénteste culpable por todos os afáns
por todas as vontades que venceches
por todo ese minúsculo
poder que atesouraches
poder para durmir
ou leres polas tardes
ou ires de viaxe nas ondas dunha música
poderes ben felices claro está
poder que conquistaches metro a metro
igual que un combatente na fronteira
do mundo e do desexo
igual que un combatente na trincheira
do sangue e da linguaxe
a sombra que anoitece e quere o teu castigo
levarte a un paredón e fusilarte
deixarte agonizante e mutilado
a sombra coa que soñas e quere que lle pagues
non chega acaso feita de memoria?
non ves que se proxecta no escuro sobre ti
e vive nos teus soños
e asoma nas túas sombras?
a sombra dos enigmas que asoma na túa umbría
e quere un corpo cálido de febre ou de silencio
oh non un corpo frío de andar polos camiños
oh non un corpo errante de ir pola linguaxe
mais si o corpo torto de cinzas e de fados
o corpo como un lume que prende na tristeza
ti vences esa sombra encóntrala chegando
en longas cicatrices en feridas
mais sabes que a victoria oh fúndase no engano
que antes ou despois que finalmente
a sombra ha de vencerte ha dar conta de ti
non cabe máis resposta que a vinganza
urdir unha estratexia
un verso que a derrote
un lento e delongado versículo que a irrite e faga que lle pese o mundo e mais o inferno
a corda que lle anoes a voltas no pescozo