a débeda que tes co sangue e coa linguaxe
o pago que inda pode vencer e declararte
perdido nos rumores no cómputo do mundo
é signo da fluencia dos días do devir
ignoto e devalante das causas e das cousas
que todo vai axiña seguindo un rumbo incerto
levando unha corrente de lóstregos e chagas
deixando atrás un día e un século feliz
brincando como un galgo nos prados do desastre
o tempo como un barco que afunde ese naufraxio
de torres entre néboas e incendios de mansións
o tempo como un vidro solemne que lle escacha
á deusa entre pregarias e insomnes sortilexios
o tempo como un prato de metal
o empréstimo que debes
os pagos que adebedas
acaso unha fortuna que murcha atesouraches
a sombra de riqueza que mesmo dilapidas
que corpo pode darche aínda o capital?
que acio de palabras e brazos e calor
escolle como rumbo un vello pecio?
que todo vai axiña levando unha corrente
deixando atrás un día brincando como un galgo