deixou pousar na terra unha semente
non era máis que cinza
borralla do solpor
e foi polo silencio da noite inda noviña
tocando os seus acordes
no incerto acordeón
chamábanlle o cantante
o príncipe do sal
sarxento ou capitán de exércitos e coros
solemne confesor de tiples e tenores
chegou a dirixir no inverno unha tormenta
igual que se dirixe o mar dun orfeón
e foi moi aplaudido
famoso e celebrado naquel impulso grato
o aceno de ter conta da música da tarde
a chuvia en percusión o vento polas frautas
e o grave ton escuro dos metais
erguendo unha charanga
inhóspita fanfarria
chegou tan derramado de aspecto e de saúde
que a febre trasladouno nun día á outra ribeira
o campo en que fumegan cantando os fusilados
e os loucos doutro tempo