de todos os palacios que habitei
e torres e mansións e plácidos hostais
e casas alugadas compradas emprestadas
cabanas e galpóns e húmidos alpendres…
de todos cantos foron unha noite
acougo para o corpo
e deron en gardarme o sono nunha caixa
por ver se no descanso moraba o meu destino
por ver nesa sombra ardía o meu devir…
ningún como os teus ollos
o sitio onde ficar
a estancia do porvir nos séculos milenios…
o espazo onde ancorar
a praia onde pousar o corpo xa varado
e ver de corrixir os danos deste curso
nas febres incesantes da linguaxe
insomne o meu rotar de aspa pola noite
maldita Scherezade