a vida
cando chegas
a unha certa altura do camiño
e dás en revisar
os pousos que deixaron as túas cinzas
a borra que o teu verbo esparexeu
como escuro refugallo do vivido
semella ser tan curta
tan inútiil
que ben podes entender
que haxa alguén que precipite
o arrebato do destino
(o lugar en que conflúen
a forza da vontade
e o poder do azar)
mais tamén
a vida
cando volves dunha certa altura do camiño
e poste a relembrar
as músicas as cores
a luz que se vertía no fondo da paisaxe
en Grecia en Alemaña
na noites de Kilini…
e deixas un segundo que a música regrese…
a vida…
esa mestura
da forza da vontade
e do poder do azar