e foron logo os días do corpo derrubado
e Nietzsche viña triste a consolarme
gaiteiro do solpor
e foi por eses meses que Elektra pareceu
eléctrica e azul febril computadora
e foi que Nietzsche díxolle Elektra que procuras?
non ves que este mortal xa vira cara á noite?
e todo estaba a arder
vertéranse palabras de lume polos montes
e enchíanse os caldeiros de chuvia e de silencio
e Elektra andaba alí
ditando os seus fragmentos presocráticos
pois tiña esa vontade de ser forever young
de ser unha pelíicula xa vista
e díxenlle eu chorando cantando unha nostalxia
que as rodas que anden vivas
a dar voltas enormes
no fondo dos planetas
conxuguen o teu verbo
e teñas neses círculos elipses espirais
a liña que ha de ser a singradura
e sulco do teu canto
e foron logo os días azuis da curación
e Nietzsche bendicía o meu calvario