dos míticos amores de Elektra e Friedrich Nietzsche – III

tumblr_lzidvssYsG1qb8vpuo1_500

un día dei en celebrar o voo da mocidade

e foron devalando as músicas dos anos

as follas que os salgueiros deitaran na corrente

os beixos que escorreran pola pel

e todo foi veloz como unha anguía

correndo río abaixo

 

e logo naquel cumio o século virou

e foron decinando os substantivos

e foron esvarando os verbos todos

e a mesa ficou limpa

e todo polo chan

 

ninguén daba resposta

e fun rompendo ánforas e enigmas

e fun prantando pedras no xardín

e vin como chegaban as brancas raparigas

e as pálidas hortensias se estragaban

 

un ano houbo un incendio e outro diluviou

e vin pasar outonos como caixas

e barcos carretando a cinza e o silencio

e lustros que caeran da música vertendo

un círculo de prata

 

e vin no corpo vello arder unha figura

e os fumes do holocausto que prenderan

nos templos nas cabanas nas tabernas

nacións de mansos bois e túzaros traidores