Día: 23/03/2012
dos míticos amores de Elektra e Friedrich Nietzsche – V
alguén chegou dicindo que os tempos fenecían
que a porta estaba aberta e viña algo de sombra
que a noite andaba fóra contemplando
o sulco que deixara aquel solpor
e había moita xente a procurar
un taxi algún transporte baleiro iluminado
un tempo ou un espazo que reunise
as dúas condicións
acougo afastamento
e nós ficamos vendo aquela sombra
podíase mirar do alto ou por abaixo
a rentes ou de lonxe
e tiña aquel aspecto prodixioso
do engano e da ilusión
mais era a Negra Sombra esa paisaxe
que fica alén dos montes e da chuvia
e díxome tocando Elektra o seu piano
non perdas nunca a fe
nos músicos errantes
aqueles que padecen
o cólico da euforia
e senten o rumor
da tarde na cabeza
e Nietzsche desde lonxe bebía o seu licor
e tiña o grave aspecto do que espera
a voz de Dionisos