épica IV

teukujodyzulkarnaen

seguiu eses camiños buscando unha lanterna

algún deses trebellos que deitan unha luz

e furtan por un tempo a escuridade

e soubo que eran épocas de sombra

 

o campo estaba inzado de xente a camiñar

cos brazos alongados apalpando

e daban entre todos a impresión

de seren cegos loucos

dementes que perderan o don da claridade

os rostros que esqueceran os seus ollos

 

e puido comprender que se chamaban con nomes de misterio

palabras nunca antes pronunciadas

vocábulos que os ventos roubaran nalgún pozo

e frases como enigmas

 

entón saíu o sol e todo foi igual

ninguén podía velo

e ían camiñando cara ao río

caían polas beiras dos regatos

morrían afogados

 

e el púxose a berrar

e viñan cara a el

quen sabe o que entenderan

e víanse nas linguas labirintos

e tiñan entre os dentes o solpor

 

da torre penduraba o corpo dun suicida