épica VI

tumblr_m0edl8jeiM1qb8vpuo1_500

 

calou daquela Nietzsche o seu misterio

e puxo nos caldeiros a ferver

un pouco de tristeza

e deu en enxergar aquilo fumegando

 

entón Elektra viume a tocar o clarinete

e díxome Manuel podías procurar

o acougo da quietude e a parada

mais eu que tiña o corpo co licor

que o incerto Nietzsche me fixera

beber na súa compaña

repúxenme do vento da chuvia da presenza

do brillo que deixaba o seu cabelo prateado

do estraño magnetismo

e díxenlle non é

moi lícito calar

non son estes os tempos do silencio dos poetas

 

e quixo que a gardase entre os meus brazos

o mesmo que unha pomba

 

e díxenlle eu Elektra miña vida

non son xa partidario

do amor esa falacia

 

e foi virando lenta no seu baile

seguindo a ladaíña que tocaba

e mesmo houbo un instante en que pensei

que iría dar ao mar

 

mais Nietzsche estivo atento e recolleuna

xentil pasoulle un brazo polo van