deixou de esparexer o voo do tempo irado
e foi virando en sombra
caendo para adentro
un buque derramado de chuvia e de ferruxe
os bosques de maceiras a música feliz
seguindo unha derrota de orquestras e verbenas
impondo unha secreta distancia xunto ás cousas
non tiñan a valía dos tráxicos enigmas
durmidos sobre o lombo dunha estrela
da flor da boca enchida con cinza e refugallos
que aniñan no solpor do corazón
levaba estes ramallos de hortensias consumidas
do xeito en que outras horas decrecen cara ao sur
nos límites do mundo
e tiña esa ousadía feliz da mocidade
do outono tan enorme tan canso de viaxar
da vida entre rebumbios de pánicos e cinza
que hai un pouso de verdade que se acende sobre o rostro nos días en que o signo do estío se esparexe desde o fondo dos misterios da tristeza