as pontes derrubadas de marzo para abril
por riba de valados de hortensias e fracasos
pisando as cidadelas os fortes baluartes
do sol como unha efixie de incendios e de ouro
están nese retrato no gris desa instantánea
os círculos de cinza da caixa dos espantos
leváronme daquela por fuscos corredores
deitando a longa alpaca do inverno na corrente
e dei con vellas flores insomnes serenatas
pousando un voo de auga nos cólicos do mundo
por iso unha mañá logrei ollar no espello
lugares imposibles sen lámpadas ou vidros
as rosas da mirada dos anxos do fracaso
viradas para sempre a un sol que esmorecía
sentín o desarraigo do corpo tan espido,