a letra que resume o rumbo da túa vida,
cos viños a emborcarse na rúa sobre as horas
e sombras e quimeras trasgos e espantallos
fugaz e somnolenta das grazas de Minerva
é letra sen destino non sabe que dicir
oh sempre a mesma letra no curso dos teus signos
feliz de andar vagando por pontes e fronteiras
Enigma sempre ensina algunha na lapela
deixando un son absurdo con ecos de motores
e aínda na túa orella solemne precipita
a letra enfebrecida de insólitas doenzas
gardadas entre rosas escuras para obter
as árbores incertas os nítidos contornos
leccións de melodía nas vellas alamedas
oh aqueles aqueixados de lírico delirio
que prenden un relampo de lumes e de fósforos
no voo da claridade
nos leitos abisais
nos círculos de cinza da caixa dos espantos
que baixen polos séculos de sombra ornamentados
e ás pedras dean forma de chuvia e de tristeza
que a letra sempre escura culmine o seu afán