écfrase

image

detés agora a ollada nun corpo que se perde

seguindo algún camiño de auras e museos

o día como un fento un óxido unha pá

deitando flores secas cadernos debuxados

un voo de ave lixeira na tarde polos campos

 

por riba destes mármores por dentro desta sombra

dos anos esgotados dos meses xa corruptos

o sol que che proxecta fulxente chama branca

celeste sobre un manto de tebras e distancia

veloz o seu percurso con sede de esplendor

veleiro que se inflama de ritmo e ousadía

 

e as nubes que desprazan volumes de algodón  

a liña dun camiño a sombra dunha vida

a sombra dunha voz que o escuro che arrebata

 

da tarde case rota farrapo da xornada

as cifras que regresan do mar cunha canción

retratos planos cartas epístolas roteiros

nos lonxes a verter unha luz de ruína