as praias con palmeiras e exóticas mazás
con ecos de distancia na tarde derramada
que gardan esas ondas escritas para min
nos libros que erixían os días como páxinas
non saben que me deixan atrás nestas fronteiras
nas gándaras de neve que hai despois dos anos
cabalos derrubados de soñar
nun voo de voz aberta aos séculos vindeiros
os campos sen debuxo de pozos e de sombra
escuros refugallos de cal e esquecemento
arbóreas siluetas de lóbregos contornos
a insomne escalinata de luz do pentagrama
partículas de vidro no norte da conciencia
noticias obsoletas que nunca chegarán
os músculos do inverno