A lava do crepúsculo

tumblr_m0vy8gxxOB1qz6f9yo1_500

E sentou a contemplar o pobo triste de Galicia.

 

El era dos que andaban carretando os cadaleitos,

os sinxelos ataúdes do misterio.

Aquel que, encadeado e preso sen porvir,

os pórticos e sombras, as prazas e ruelas,

solemne percorría,

insólito almirante das frotas afundidas.

 

Erguido entre as materias que a tarde foi pousando

nas covas da tristeza

viradas para sempre a un sol que esmorecía

expuxo o seu velamio aos cólicos do vento,

deixou que as augas fosen levando o seu fluír

de sopros abafados, de aires compunxidos,

de corpos como naves varadas nas baías

ao pé de catedrais,

asombros dunha luz batendo contra o mundo,

e dixo que era tempo,

o mesmo que alguén grava con ferro de cincel

palabras sobre as pedras.

E deu algún traspés nos banzos ou na porta.

 

Mais era que pasaba o pobo triste de Galicia

seguindo a prefixada derrota da paisaxe.

 

As torres que se erguían no límite da néboa

sentiran que a borralla formaba un horizonte

camiños nos cruceiros e rumbos nas estradas

e daban en caer

igual que precipicios

as torres como áncoras e liras

as torres como incendios e naufraxios

as torres como pontes e teatros

 

E púxose a mirar os corpos que pasaban.

os corpos que a ruína, amante, posuirá.

o incógnito volume que todos procuramos

do pobo cos seus gritos

do pobo entre as hortensias

acaso esconxurando un mar que derretía

algún discurso vago que a xente namoraba.

 

El era dos que andaban furando no silencio

un voo de auga sombría.

 

Os tempos viñan longos do fondo dos naufraxios

e daban en bater as portas contra o escuro

solemnes como un río que fose esparexer

no mar a caixa aberta das borrallas

de todos os incendios.

 

E o pobo andaba canso a derreter

os séculos da historia.

 

Por iso foi formando o grupo dos vencidos

daqueles que deixaran de chorar

e foi querendo ser como unha ave

erguida sobre a torre para ver

a lava do crepúsculo.