beata (soneto en alexandrinos brancos)

tumblr_m1gt2n0oCt1rr10yho1_500

feliz quen considera sentar xunto á ribeira

os ollos percorrendo o outono sixiloso

que nada está detido e todo cesa e cesa

imaxes que aínda brotan do pano da distancia

e un día sen sabelo despois de moitos anos,

ociosa te conduces por prazas e ruelas

acaso consumido o pan da mocidade

coa lámpada da tarde morrendo vespertina

e asoma entre a fariña do mesto neboeiro

a nada unha carencia sen límites total

que acende o seu martirio no corpo imaxinario

xa non terás opción non volve a mocidade

navega sobre as augas volubles sinuosas

sen présa por tecer o texto da existencia