O viño

tumblr_m40n9upMPC1r677hco1_500

Nos cuartos clausurados das páxinas do olvido,  
nas gándaras de neve que hai despois dos anos,
no alto das estatuas,
a sede que me habita, sublime, precipita
un voo de viño azul, escuro até o vermello,
disposto como un signo da morte dos invernos.

Nas prazas e palacios, nas rúas e plateas,
nas follas que deitaron as árbores no chan,
no leito amortecido das herbas e das flores,
felices de ir vagando por pontes e fronteiras,
fulxindo como estrelas queimadas de claror,
o viño gorentamos, deixamos escorrer
na boca como un doce de néboa e de quentura.

Na sombra que esparexe a tarde en porcelanas.
En tres ou catro cartas escritas nunha hora
que foi pola distancia erguendo unha fariña 
insomne de preguiza e soños e fracasos.
En chairas, en ribeiras, en vales ou en ríos,
selándonos os labres con flores arrincadas,
o viño estaba alí,
xamais deixou de darnos praceres e linguaxe.