RECORDO aquelas tardes de antiga adolescencia
Sentado na alameda de Bouzas a probar
Acordes de guitarra, a forma en que saían
No cruce dos arpexos, con liñas prodixiosas,
Algunhas das baladas de Lennon e McCartney
Ou músicas que logo ficaban consumidas
Na liña do solpor.
O día era tan longo, tardaba tanto a noite,
Que nada che impedía deixar que te ocupasen
Proxectos de futuras cancións e melodías,
Borrosos pentagramas de néboa, de emoción,
Silentes partituras fundidas polo ensoño,
O lume que aínda prende madeiras de nostalxia.
De aquilo nada fica. Non gardo outro recordo
Que o espírito acendido nalgunha desas músicas,
Un signo de porvir que o tempo madurou
E que era, nesa época, vital, impetuoso.
Por iso moitas veces, se encontro un vagabundo
Que erixe un longo eco de súplica nas pedras
Detéñome a escoitar a música que toca
E véxome a min mesmo, eu quixen ser así,
E entrégolle, por tanto, moedas, parabéns,
Sinais dunha vivencia que nunca ficou rota.
Se é certo que seguimos un único camiño
De todos os que o fado marcou como posibles
O músico de rúa que eu puiden ser perdura
E acaso algunha tarde regrese coa guitarra
A darlle ornato e voz aos lumes do crepúsculo.
Será noutro país, nalgún lugar remoto.
Ninguén ha de saber quen son ou que procuro.
E os dedos serán áxiles tanxendo a grata corda.
E a tarde será inmensa e a noite, interminable.