REALIDADE

Feed_Water_Birds_From_Boat_Varanasi
ÁS VECES é mellor seguir na realidade,
Deitarse baixo a sombra das árbores a ver
Os líquidos que o mundo dispuxo na conciencia,
E andar polos camiños confusos da lembranza
Seguindo un vello norte, algunha rota antiga.
Deitar pesadas áncoras no leito dalgún río,
Deixar que as augas pasen e ollar como o fluír
Do tempo e da enxurrada do inverno se apresura
Na busca dunha foz, dun límpido remanso.
Feliz quen considera sentar xunto á ribeira
E nesta acción culmina un feixe de percursos,
O límite de moitos camiños emprendidos.
Feliz quen nega o mundo dos triunfos e a vaidade,
Aquel que desde a calma refuga os agasallos,
E alí sentado escoita os páxaros bater
As alas nun escándalo na lámina das augas.