![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
Día: 12/06/2012
inconsciente
AS COUSAS que un escribe, a pouco que se indague,
Son froito dunha escura, virada exhalación
Que ten a ver co curso dos soños por adentro,
O xeito en que as lembranzas deitadas por azar
Nun saco de desexos frustrados, na bandexa
Das horas corrompidas, derrétense formando
Madeixas de cancións, insólitas cadeas
De signos, silenciosos torrentes, enxurradas
De lágrimas e tardes, xanelas que se abren
E dan para un xardín e escoitan unha nena
Tocar o seu piano ou ler escuras cartas.
Así que cando empuño o lapis para obter
No branco do caderno o curso dos meus grafos
O mundo está deitado correndo xunto a min,
E todo o que me asiste son longas fluorescencias,
Relampos que se instalan no centro do cerebro
E acenden os incendios da música e o voo
Das aves que transportan pregarias, cantinelas.