ARRIMO agora o corpo a un resto de parede,
Resquicio dunha antiga, caída construción,
E sinto que no roce das costas contra a pedra
Asoma unha caricia, a sombra dun afago,
O mesmo que se a casa dixese para min:
Achégate, non temas, aquí podes ficar,
Darémosche o refuxio que acaso aínda procuras,
Oh nós que noutro tempo, paredes celebradas,
Erguemos teito e fomos obxecto de cobiza.
Por iso fico aquí, unido a este lugar
Que os limos e as hortensias con verde ornamentaron,
Secretos alimentos en forma de xardín
Dos vellos esplendores.
E penso se non teño, nalgún lugar ignoto
Que existe no interior, tamén vellas paredes,
Palacios derrubados, os signos dunha época
Que non deixou lembranza, ningún outro sinal
Que as liñas, os trazados, o roce dunha man
Tanxendo a corda grave do tempo nos invernos.