sen rumbo

impressive-black-and-white-portraits-of-old-people04_thumb

O mesmo que un camión que sobe de vagar a encosta de Puxeiros

sinais intermitentes de noite a esparexer aviso de perigo;

igual que o buque escuro que en alba de febreiro

avanza sixiloso nas néboas pola ría

mostrando a sombra estraña

da carga contra as luces do mencer;

igual que un esmolante no frío dun portal

sorbendo as pingas últimas dunha caixa de viño

con pan a aproveitar o aceite dunha lata de sardiñas…

así,

con esa pausa,

con esa lentitude,

declárovos ter sido feliz até a fatiga

seguindo o itinerario

sen rumbo da linguaxe.