andabas como un cego os vultos apalpando
seguindo ou perseguindo nas sombras non se sabe
e entón alguén se puxo por diante dixo vén
e fíxote mirar
non era unha pantasma mais tiña unha certeza
caía o seu cabelo derrubando
a prata da fervenza
e había dous lunares dúas lúas
sorrindo para ti
e foron como iscas que prenderon
os lagos en que xorde constelado
o cisne sideral
e foron moitas e moi longas
as tardes que entreguei
ao curso dos teus soños
foron moitas e incesantes
as semanas
foron múltiplos os lustros
e fun por entre as herbas procurando
un cólico de cinza necesaria
un látigo de sal
oh ti a destinada
a ser quen esparexa
o voo da miña vida