Falareivos da nación
Neboenta dos poetas
República infeliz
Por iso andaba eu canso de tanto percorrer
As gándaras de néboa que dormen alá embaixo
Non eran os incertos camiños que persegue
O corpo polo tempo non eran os silencios
Que queren debuxar os líquidos e chamas
Fundados polo fondo no cruce das tristezas
No punto en que se inclinan os cólicos e o sangue
By the waters of Leman
Non era só por iso
Non era sopor iso
Que era porque tanta distancia non se atura
Que aquel que mora en ti non debe ter saudades
Da imaxe de si mesmo non pode percorrer
Longura nos camiños facer tanta viaxe
Por iso andaba eu néboa de tanto perseguir
De tanto fundar gándaras e líquidos silencio
O corpo polo tempo que mora en ti distancia
Por iso andaba incerto
Fundándome no fondo dos cólicos saudade
By the waters of Leman