Xardín queimado-fragmento XIII

Maya Angelou

 

E entón dixo o profeta

Gardando para si

O solpor melancolía

“Porei de novo a man no lombo da tristeza

E canso hei apalpar o curso do solpor,

Brincando desde as pontes camiño de Venecia.

A man que foi medrando cos anos do meu corpo

Selando en vidros grises incendios apagados.

Porei de novo o peito na area do misterio

E irei polos camiños de enigmas como praias

E todos han de estar oíndo a ladíña”.

NON EST BONUM ESSE HOMINUM SOLUM pensei eu

Xa hai que ser

FACIAMUS EI ADJUNTORIUM SIMILE SIBI mira ti

Señoras e señores, por favor ben obrigado, Atendan isto aquí.

Oh vén altiva Electra acepta os ornamentos

De ouro que che damos

Ladies And Gentlemen, Your Atention Please

O pozo estaba aberto Non daba para o mar

By the waters of Leman

A lúa alí pousada

O mesmo que se alguén furase a terra toda.

E o profeta foi caendo polo pozo cara adentro

Cara adentro de si mesmo

Como un louco torbeliño que ninguén ousase ollar

By the waters of Leman

O profeta polo pozo cara adentro de si mesmo

Bebían os cabalos na fonte xunto a nós

Para sempre derrotados

By the waters of Leman

E viñan nubes breves turrando do verán

Distantes perseguindo a sombra das maceiras

Os ecos que deixaban na brisa acordeóns

Que alguén tocaba en orfas penumbras portuguesas

E o profeta polo pozo cara dentro de si mesmo

E dixo desde a altura políglota O SEÑOR

NON EST BONUM ESSE HOMINUM SOLUM

E pasaba ao fondo Nietzsche como un barco na distancia

Do mar pola orela mireino pasar

E era triste ver o barco digo a Nietzsche contra o sol

Perdido cos anos o lentor da moza fantasía

Fumegando o seu sulfato contra o corpo do SEÑOR

Oh Nietzsche a sulfatar polas viñas da distancia

Como unha trincha nas mans dun vago e fantástico carpinteiro

A dieta non contempla a inxestión en ningún caso

De bebidas alcohólicas

É preciso que camiñe

Co profeta polo pozo cara dentro de si mesmo

É preciso que camiñe

Polos ecos que deixaban na brisa acordeóns

E ha de controlar a diario a presión sanguínea

E o profeta que tocaba nas penumbras portuguesas

Oh Nietzsche sulfatando co seu triste acordeón

É preciso que camiñe

Como unha trincha nas mans dun vago e fantástico carpinteiro

Oh Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

 

para descargar o poema completo