E díxome daquela pensando que eu portaba
Bandeiras como hortensias e borra de tabaco
Oh vén altiva Electra
Lasciate ogni speranza
Tal e como agora vas
Xa vella e anugallada
Dareiche a flor da sombra e o tálamo nupcial
Manchado de poetas embriagados
Tal e como agora vas
Xa vella e anugallada
By the waters of Leman
Para sempre derrotados
LASCIATE OGNI SPERANZA, VOI CH’INTRATE
LADIES AND GENTLEMEN,
YOUR ATENTION PLEASE
Do mar pola orela mireina pasar
Neboenta dos poetas
By the waters of Leman
Abril era unha abra con naves debuxadas
Con longas e con lánguidas pegadas de tristeza
Electra era unha chave sen porta para abrir
Electra xa era só melancolía
Electra era unha porta sen abrir
Que o poeta está manchado pola culpa
O seu traxe leva sangue de linguaxe
A camisa borras negras de caer
A rebolos na lameira das palabras
O poeta está impregnado de suor
Os zapatos teñen cortes adxectivos
E os seus verbos esparexen a tristeza
Como un vómito febril de signos e destino
O poeta está ferido por loitar
Contra a néboa e contra a sombra
A súa ollada mira neve no deserto
E nas illas logra ver unha nube sobre o ceo
O poeta xa non vive neste mundo