Xardín queimado-fragmento XV

 

Uxío Novoneyra

Chegara aquela tarde á casa con tristeza

E púxenme a beber licores moi antigos

Garrafas que baixaran de barcos sen bandeira

Redomas que lacraran nos templos da distancia

E abrín aqueles selos tirei aquelas rollas

E dei en gorentar azucres con canela

Alcohol ensombrecido nas lúas doutro tempo.

Oh vén altiva Electra

E Nietzsche sulfatando co seu triste acordeón

E Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

E lembro que aquel día Federico estaba triste

Si Nietzsche Federico filósofo e amigo

E eu dixéralle convén que sulfates outras viñas

Deixa un pouco de uva tinta nestas veigas da ilusión

Non esgotes todo o caldo que producen estes prados

Garda un pouco para os pobres

Para aqueles consumidos pola luz da inxenuidade

Deixa un río acaso un monte unha braña ou algún souto

E difunde o teu sulfato ese xofre tan amargo

Nas ribeiras onde chegue o teu paso como demo

Mais aquí procura un canto

Colle acaso un instrumento

E prepárate queremos que nos toques pola orquestra

By the waters of Leman

O solpor da mocidade

E a outonía do mundo

Oh fermosa esta expresión

A outonía do mundo

By the waters of Leman

Porque xa non hai primavera nin verán

Non existe máis que outono felizmente

Longo inverno e curto outono

Máis que outono felizmente

 

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XIV

Ramón Cabanillas

LADIES AND GENTLEMEN, LASCIATE OGNI SPERANZA

Oh Nietzsche sulfatando pola brisa acordeóns

LADIES AND GENTLEMEN,

Tal e como agora eu vou

Vello e anugallado

YOUR ATENTION PLEASE

E Nietzsche dixo Electra camiña xunto a min

Tal e como agora vas

Xa vella e anugallada

Dareiche a flor da sombra e o tálamo nupcial

Manchado de poetas embriagados

Só manchas de tequila acaso de augardente

No fondo inmaculado

Figueiriña que prantei

By the waters of Leman

Acaso exaculado

Oh vén altiva Electra

Lasciate ogni speranza

Virás comigo aos campos

Terei que sulfatar

 

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XIII

Maya Angelou

 

E entón dixo o profeta

Gardando para si

O solpor melancolía

“Porei de novo a man no lombo da tristeza

E canso hei apalpar o curso do solpor,

Brincando desde as pontes camiño de Venecia.

A man que foi medrando cos anos do meu corpo

Selando en vidros grises incendios apagados.

Porei de novo o peito na area do misterio

E irei polos camiños de enigmas como praias

E todos han de estar oíndo a ladíña”.

NON EST BONUM ESSE HOMINUM SOLUM pensei eu

Xa hai que ser

FACIAMUS EI ADJUNTORIUM SIMILE SIBI mira ti

Señoras e señores, por favor ben obrigado, Atendan isto aquí.

Oh vén altiva Electra acepta os ornamentos

De ouro que che damos

Ladies And Gentlemen, Your Atention Please

O pozo estaba aberto Non daba para o mar

By the waters of Leman

A lúa alí pousada

O mesmo que se alguén furase a terra toda.

E o profeta foi caendo polo pozo cara adentro

Cara adentro de si mesmo

Como un louco torbeliño que ninguén ousase ollar

By the waters of Leman

O profeta polo pozo cara adentro de si mesmo

Bebían os cabalos na fonte xunto a nós

Para sempre derrotados

By the waters of Leman

E viñan nubes breves turrando do verán

Distantes perseguindo a sombra das maceiras

Os ecos que deixaban na brisa acordeóns

Que alguén tocaba en orfas penumbras portuguesas

E o profeta polo pozo cara dentro de si mesmo

E dixo desde a altura políglota O SEÑOR

NON EST BONUM ESSE HOMINUM SOLUM

E pasaba ao fondo Nietzsche como un barco na distancia

Do mar pola orela mireino pasar

E era triste ver o barco digo a Nietzsche contra o sol

Perdido cos anos o lentor da moza fantasía

Fumegando o seu sulfato contra o corpo do SEÑOR

Oh Nietzsche a sulfatar polas viñas da distancia

Como unha trincha nas mans dun vago e fantástico carpinteiro

A dieta non contempla a inxestión en ningún caso

De bebidas alcohólicas

É preciso que camiñe

Co profeta polo pozo cara dentro de si mesmo

É preciso que camiñe

Polos ecos que deixaban na brisa acordeóns

E ha de controlar a diario a presión sanguínea

E o profeta que tocaba nas penumbras portuguesas

Oh Nietzsche sulfatando co seu triste acordeón

É preciso que camiñe

Como unha trincha nas mans dun vago e fantástico carpinteiro

Oh Nietzsche sulfatando polas viñas do SEÑOR

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XII

Rosalía de Castro

E depuxen logo as armas porque tiña febre amor

Tantos graos de soidade non son bos para o misterio

Tanta sombra de mercurio achegando a súa canción

Esa altura dos cipreses ese mármore final

Non son bos para a saúde do que canta unha distancia

Non conducen non informan non dan brillo non enuncian

Non se debe superar unha certa cantidade

Unha certa non lle sei cantidade non moi alta

Un outeiro de mercurio co seu cumio alá no alto

LADIES AND GENTLEMEN, YOUR ATENTION PLEASE

LASCIATE OGNI SPERANZA, VOI CH’INTRATE

Que o poeta está manchado pola culpa

Do mar pola orela mireino pasar

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

A rebolos na lameira das palabras

 

 

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento XI

Marge Piercy

Que o poeta está manchado pola culpa

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

A rebolos na lameira das palabras

Que o poeta é portador de mil chaves que non abren

Outro pórtico que a sombra

Outra porta que a do inmenso xardín melancolía

E foi daquela que eu cheguei como un barco de naufraxio

Á deriva que vivían os meus cantos por adentro

By the waters of Leman

Porque eu era aquel poeta que levaba o traxe tinto

Na lameira das palabras

Como un vómito febril de signos e destino

Bebían os cabalos na fonte xunto a nós

By the waters of Leman

E viñan nubes breves turrando do verán

Distantes perseguindo a sombra das maceiras

Os ecos que deixaban na brisa acordeóns

Que alguén tocaba en orfas penumbras portuguesas

E andaba o corpo en músicas en táboas que pintaran

Os ollos como incertos retábulos de outrora

Camiños que eran sombras de pontes e distancia

E leitos que alguén dera insomne por durmir

As noites cos seus soños de tenra melodía

Por iso viña o vento das longas cabeleiras

Deixándonos recados papoulas e sonetos

Levando un arrecendo de xasmíns

By the waters of Leman

Tamén arrebolando docísimas materias

Areas tan miúdas que había que fechar

Os ollos a soñar caer por unha lomba

Sen medo de que o corpo sufrise unha ferida

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento X

Jorge Francisco Isidoro Luis Borges

Dese corpo de lectora tan aberto para as letras

Tan lumínico do brillo do papel sobre a mirada

Tan espido de acoller unha tarde para os libros

Do silencio que mestura unha páxina unha voz

Unha porta numerada con espellos para adentro

Desa man que acolle o libro que repousa sobre o brazo

Do sofá que logo move a lapela e pasa a páxina

Dese ollo que se fecha algo canso de pensar

De pasar por entre as letras entre as páxinas soñando

Ese ollo que me mira como mira algunha ausencia

By the waters of Leman

Como olla para fóra a través dalgún cristal

Como mira para as portas para os vidros que contemplan

Personaxes do interior desa ficción

Neboenta dos poetas

Dese corpo ou dese ollo de lectora por adentro

Que camiña unha paisaxe debuxada noutra idade

Desa páxina inclinada que resiste a ser ollada

Que non quere que alguén chegue ese pórtico ese voo

Esas aves que regresan entre as liñas ese cal

Que pintaron con ausencias con palabras como danos

By the waters of Leman

As feridas que deixaron sobre o corpo do papel

Que esqueceron cando a noite foi pousando a súa pegada

Neboenta dos poetas

Ese libro que está cheo dunha luz de escuridade

Dunha luz de letra escura moitas manchas a brincar

Cada unha diferente todas xuntas a tecer

O tecido do seu texto unha urdime de canción

Esa urdime de canción tan aberta para as letras

Que non che son o mesmo lonxe que lontano

Falareivos da nación

Neboenta dos poetas

República infeliz

Xardín queimado

By the waters of Leman

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento IX

Hélène Cixous‬

Que o poeta está manchado pola culpa

O seu traxe leva sangue de linguaxe

A camisa borras negras de caer

By the waters of Leman

A rebolos na lameira das palabras

O poeta está impregnado de suor

Os zapatos teñen cortes adxectivos

E os seus verbos esparexen a tristeza

Como un vómito febril de signos e destino

O poeta está ferido por loitar

Contra a néboa e contra a sombra

A súa ollada mira neve no deserto

E nas illas logra ver unha nube sobre o ceo

O poeta xa non vive neste mundo

Falareivos da nación

Neboenta dos poetas

 

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento VIII

friedrick-nietzsche

Porque a melancolía non é máis

que a dor pola perda do que nunca tivemos

By the waters of Leman

A melancolía non é máis

que a dor real por unha perda imaxinaria

E como doe o imaxinario

Como doe na realidade o que nunca estivo aquí

E Electra era unha chave sen porta para abrir

Electra era unha porta sen abrir

Nas terrazas onde dormen vagabundos sen estrela

Debuxada sobre o fondo dos seus ollos

Vive a luz

Neboenta dos poetas

Unha luz de lume negro

República infeliz

Xardín queimado

De baleiro esquecemento

Como un soño que apagasen os obreiros do concello

Ao regaren sobre a rúa a poeira do vivir

Ían eles barba longa

A pousar o seu cansazo sobre as pedras asombradas

E falaban sobre a noite

Compartían o tabaco

Camiñaban sobre a esfera imperfecto do silencio

Por lograren o máis alto

Ser acentos nunha idade toda átona e feliz

Seren hiatos no ditongo

Ser escuros xunto á luz como pobres e moinantes

Vagabundos coma min oh traidor dese destino

Vagabundos coma ti oh descúlpame a maldade

 

para descargar o poema completo

Xardín queimado-fragmento VII

Federico García Lorca

Falareivos da nación

Neboenta dos poetas

República infeliz

Xardín queimado

Oh vén altiva Electra acepta os ornamentos

De ouro que che damos

E isto eu repetía sen cesar

Electra era unha nube de sombra que xurdira

By the waters of Leman

No fondo dun paraugas acendido

De tanta chuvia eléctrica

Electra era unha imaxe que estaba no final das letras computadas

Das letras que xurdían no fondo da pantalla

E Electra non falaba dicía sen parar

Mais tanto era o dicir que nada se entendía

Electra era unha chave sen porta para abrir

Electra xa era só melancolía

 

 

para descargar o poema completo