Hamlet II

musicisti_rom

Daquela fomos dando mil voltas ao naufraxio.

Turraban os cabalos dunha escura dilixencia

e nós, como unha harpa, seguíamos detrás

deixando que o camiño se alongase,

que o tempo fose dando unha virada

por fontes e por pontes.

As fontes de saciar aquela sede.

As pontes de salvar aquelas chuvias.

E todo viña envolto no silencio.

As áncoras que outubro pondera nos inicios

do outono gorentoso

tensábanse coa forza da enxurrada

e tardes puiden ver no límite do tempo

a arderen como fachos de nostalxia.

E templos derrubaron as augas no percurso

e torres vin caer e pórticos e casas

pois era o mes azul da apocalipse,

o túnel que vertía no íntimo dos pazos

un voo de fume absurdo pola herba.

Eu tiña por entón o corpo consumido

nun baño de fatiga,

vertía entre os meus dedos a cinza das hortensias

e a palma estaba branca das mans como un milagre.

Oh dime que non foron tan certos estes feitos,

que minto como menten as lágrimas e as horas.