Sepulcros cava ás veces o desexo
por ver onde deitar ríos de cinza,
materias que baixaron polos montes entre chuvia,
buscando unha cidade, un porto na distancia.
E cávaos coa vontade de poder
deixar que se consuman os obxectos
que o corpo cobizou,
fantasmas entrevistos en rúas máis ao norte,
veleiros que algún vento conducía,
cristais que se fenderon ao chegaren os invernos.
E cávaos coa esperanza de deixar
gardados nas súas caixas os tesouros, os milagres,
visións e epifanías,
presenzas e evidencias dos deuses.
Mais todo exhuma a lava da memoria,
volcánica, feliz, ardente, arrebatada,
estralo e erupción da pura forza.
Aprende, pois, soldado.
Non has gañar xamais
batallas que non sexan
cos anos a derrota
de verte como escravo do destino,
na noite executando os seus martirios.