Deixarte levar

Sarolta-Ban72

Os templos que visitas no fondo das viaxes,

seguindo o rumbo incerto dos fumes do misterio,

alá polos países, no centro das cidades,

veneran vellos deuses durmidos xunto aos ríos

nos tempos en que aínda vivían as deidades.

 

Son torres erixidas no espírito da néboa,

reloxos que mediron o voo daqueles anos

e pórticos con forma de lúa ou de mazá.

 

Non sei que te conduce, un ano e outro ano,

a ollar eses vestixios, a ver esas ruínas.

Acaso sexa o rumbo da cinza que te leva

feliz e impetuoso ao límite do mar.

Ou pode que unha lenta e antiga migración

prosiga no teu corpo un prístino proxecto,

un antigo trazado.

 

Terás, en todo caso, que seguir ese camiño

e deixarte levar,

deixarte levar.