o día en que pousaches a voz sobre os arames,
e foi para dicirme que o inverno viña frío,
sentín que se vingaban de min os teus silencios,
navíos que afundiran no límite do mar
levando un mastro antigo de corpo de salgueiro
a tarde en que deitaches a man sobre o cristal
e había algunha dársena con lumes de crepúsculo
a noite en que se abriu de novo aquela chaga
un cántico unha lousa un feixe de calor
percorres hoxe os mapas que levo sobre o lombo
e dás con illas grises con praias e mazás
e chegas até o fondo de océanos de cinza
enormes soidades que cangan sobre ti
regresos do deserto con lúas a brillar
prendidas no cabelo e na mirada
non sabes onde estás
non vas polo camiño
sabías que este leito non admite
os cólicos do mundo