E foi por ese tempo que Outono se achegou
despois de ter reposto a súa linguaxe.
Chegaba entre vasillas cargadas de alquitrán
e tiña os dedos murchos de tocar
a harpa entre as hortensias.
Outono. Si, ese Outono que viña cando nenos
levando a súa carreta, guiando o cabalón
normando da tristeza. Outono, aquel señor,
vestido con mazorcas e con acios.
E foi que puxo os ollos na porta desta casa
e díxenlle:
feliz quen poida verte
de novo regresando;
que sigas o teu rumbo
sen pausa cara ao norte.
E el díxome:
Verémonos, se cadra, en doce meses.
O mundo xa terá, daquela, outra feitura.
E foise de vagar,
turrando dunhas nubes que apagaban
os restos dos incendios.
Pingback: cita de outono [videoclip] « fálasme a min?