Luz

tumblr_m92smqANOg1ror1zjo1_500

Conta a lenda que unha tarde,
disposta polo lenzo do inverno contra o ocaso,
Ela ollouse ante os espellos quebrados de Hibernia,
despois reconstruídos nun soño de devacle,
e tomou entre as figueiras do froito madurado,
licor de malta, suave, fuxindo para o sur,
exércitos de soños con baixas e feridas,
enteiros batallóns con mortos e medallas.

E díxolle: "chorei, non deixes de lembralo",
á espera de que un vento de novo o transportase.

El viña por entón dos corpos arruinados,
da cor de terra e sol que teñen os palacios,
e mal daba entendido as cordas dunha harpa.

Saber nin ben sabía das formas que atesoura
Beleza cando amasa un corpo de muller
mais soubo que era amable o deus que a esparexía,
feliz como a poeira que arrinca o vento en maio
das terras consumidas e xa secas.

E tivo que apousar a fronte nos espellos
de tanta que era a luz.