isto non é só unha obra de teatro
é unha navallada directa ao corazón que dura 70 minutos
o mundo é a súa civilización ficaron esnaquizados por unha hecatombe e entre o refugallo da apocalipse asoma un home aturdido que non sabe nin quen é
o que fican son anacos de cousas, de códigos, fragmentos
a obra recompón ese mundo esfarelado a través de dous tipos de discurso: o acústico e o visual
desde o punto de vista acústico apróximase á ópera rock, ao monólogo (logomono) e ao recital de poesía
desde o punto de vista visual é un escenario preparado para a gravación dun vídeo-clip
o actor-autor Gustavo Pernas Cora, impresionante
a directora Anxela G. Abalo, maxistral
isto non é unha obra de teatro
é un post-poema post-sinfónico
– Silencio! que a terra está dando a luz un home si, home non, home si, home novo… Fuches ti o que a ca ca cacaracá…. Cacaracacacá!
A criatura intenta deter os cacarexos incontrolados… A sospeita nubra o seu rostro… Asoma do corpo a voz interferente dunha pescantina cunha clienta… A voz transversal apura o ritmo, nun xogo de adiviñas… Aflora a voz doce dunha ama de cría:
– Quen é o meu parará papá? Seguro que o divino… Levaba un ollo metido nun triángulo isosceleste?
– A canto dis, Loliña?…
– Mi ma, como están as sardiñas!
A estrea da obra tivo lugar o pasado 28 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e supón, logo de Colgados e de Pisados, a culminación dos Tres Logomonos de Gustavo Pernas Cora, publicados tamén en libro por Edicións Laiovento e levados á escena por Ancora Producións.