aquela

tumblr_marwyxIbmA1r6jaxwo1_500

aquela que adormece comigo nos seus brazos,
na oitava sinfonía do austríaco Bruckner,
e os viños da paixón gozosa saborea,
envolta na fragancia que baixa entre os oboes,
escura entre a soberbia dunha tuba,
es ti hai trinta anos,
desculpa que o recorde
tres décadas despois,
agora que as columnas da historia se derruban
e todo canto foi ou puido finalmente acontecer
é só unha néboa azul de esquecemento

aquela que se vira e deixa ver
no lombo unha fatiga, unha canseira
de días que se foron debuxando
mais ten na ollada a cura do fracaso

aquela que xa esperta na mañá
e acende algunha música de cinza
e fala dos seus deuses abatidos,
das marcas que deixou a historia sobre as máscaras

aquela que sementa outonos no misterio da gloria e da beleza